Os socialistas reivindican no Val a defensa da “cohesión social e a convivencia” en Narón
A agrupación política completará a súa actividade da xornada co reparto de material informativo esta noite
Narón, sábado 14 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, participou este mediodía nunha charla-mitin celebrada no local social da parroquia do Val. Unha cita na que a dirixente socialista reafirmou a aposta da súa formación por “preservar a cohesión social e a convivencia en Narón”.
Segundo resaltou, o obxectivo dos socialistas é facer posible que “os cidadáns desfruten en plenitude da súa vida e poidan desenvolver todas as súas expectativas de futuro e progreso”. Así, remarcou que para a formación política “a cohesión social garante as oportunidades de todos por igual e fortalece o espírito de avance colectivo”.
O PSdeG-PSOE, tal e como destacou Catalina García, pretende “reforzar e garantir a calidade dos servizos públicos e do Estado de Benestar”. A dirixente naronesa dixo que “a cidade é, sobre todo, un proxecto de convivencia colectiva, de entendemento diario e de responsabilidade colectiva, onde a diversidade convértese na mellor base da unidade”.
A xuízo de García Blanco, “son as institucións as que teñen que liderar a comprensión mutua, o respecto e a tolerancia”.
Reparto informativo
Trala celebración do mitin no Val, os socialistas completarán a xornada de actividade co reparto de material informativo a pé de rúa e nas vivendas do termo municipal.
Un achegamento á cidadanía que terá o seu punto álxido esta vindeira noite, cando militantes e simpatizantes procedan ao reparto de material informativo entre a xuventude nas proximidades dos locais de ocio nocturno de Narón.
De igual xeito, a candidata socialista fará unha paréntese na xornada política para asistir ao concerto que a cantante galega Luz Casal ofrecerá este serán no Pazo da Cultura e á festa dos liscos, que terá lugar na parroquia de Pedroso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario