miércoles, 18 de mayo de 2011

Catalina García detalla na Gándara as propostas socialistas para o novo mandato en materia social

O deputado socialista no Congreso Xavier Carro acompañou esta tarde a García Blanco no barrio naronés



Narón, mércores 18 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García, visitou esta tarde A Gándara. En primeiro lugar, repartiu material informativo entre a cidadanía, resumindo as propostas socialistas para o novo mandato.

Máis tarde, participou nun acto público no local social da barriada. Nas dúas citas, estivo acompañada polo deputado no Congreso, Xavier Carro.

Unha charla-mitin na que García Blanco afondou nas iniciativas que o PSdeG-PSOE de Narón inclúe no seu programa electoral de cara ao novo mandato en materia social. Segundo a candidata socialista, “se algo identifica ao programa que os socialistas naroneses presentamos para o vindeiro mandato, son as políticas sociais e de benestar”.

Iniciativas

Catalina García asegurou que eses apartados supoñen aspectos “básicos das políticas a desenvolver nos vindeiros anos, loitando pola cohesión social, estando a carón da xente máis necesitada e cubrindo as súas necesidades básicas na procura da igualdade, pero tamén do respecto á dignidade das persoas”.

O PSdeG-PSOE de Narón considera que un “crecemento económico sostible ten que levar parella máis solidariedade e igualdade de dereitos”, permitindo o “acceso ás prestacións básicas a nivel social, garantindo a igualdade de oportunidades e promovendo a inclusión social para favorecer a convivencia persoal, familiar e social”.

A xuízo de Catalina García, as “disparidades nos ingresos familiares e as dificultades para ter unha vivenda digna e acceder á oferta formativa ou laboral” marcan as “diferenzas máis acusadas” no seo da poboación de Narón. Ao seu entender, ata o de agora o Concello limitouse a ofrecer unha cobertura “meramente asistencial”.

Deste xeito, estimou que contribúese a “perpetuar as desigualdades sociais e a facer ás persoas dependentes das axudas municipais”. Por iso, os socialistas aspiran a promover medidas “que axuden realmente ás persoas, procurando a súa independencia formativa, laboral e existencial”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario