domingo, 22 de mayo de 2011

Os socialistas de Narón afrontan catro anos “para amosar que o noso proxecto ten futuro”

O PSdeG-PSOE valora positivamente o aumento na participación en Narón nos comicios celebrados hoxe

Narón, domingo 22 de maio do 2011.- O PSdeG-PSOE de Narón valorou positivamente o aumento na afluencia ás urnas rexistrado nas eleccións de hoxe, ata chegar ao 53, 94%. En opinión da candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, “hoxe gañou a democracia”, nunha xornada que definiu como “tranquila e sen incidentes”.

García Blanco estimou que a cidadanía “non deixou de valorar o proxecto do PSdeG-PSOE”, pero achacou o descenso no número de votos para a súa formación ao feito de que “vímonos arrastrados pola tónica xeral a nivel nacional”. Unha tónica caracterizada, ao seu entender, por aspectos da política nacional, como a crise económica.

Neste senso, a candidata socialista recalcou que o aumento do índice de desemprego en Narón e no resto da comarca situou ao termo municipal no centro desa polémica. Porén, Catalina García apostou por “seguir a traballar para defender que o programa do PSdeG-PSOE de Narón ten futuro e que está ao servizo dos cidadáns”.

Ao 100% do reconto de sufraxios, os socialistas de Narón obteñen dúas actas de concelleiro na nova corporación municipal de cara ao vindeiro mandato. Eses concelleiros serán a propia Catalina García e Mario Isasi, que xa fora edil nos últimos catro anos.

O PSdeG-PSOE naronés obtivo un total de 1.527 votos, o 8, 98% do total.

Catalina García percorre os colexios electorais de Narón tras exercer o seu dereito ao voto

A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón emitiu o seu sufraxio ás 10 da mañá no Pazo da Cultura

Narón, domingo 22 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, exerceu ás 10 desta mañá o seu dereito ao voto nunha das mesas electorais emprazadas no Pazo da Cultura. De xeito previo á apertura dos colexios, mantivo unha xuntanza de traballo con integrantes da formación na sede do partido.

Tras exercer o seu dereito ao sufraxio, García Blanco iniciou un percorrido que, ata a 1 desta tarde, xa lle levou a visitar as mesas electorais habilitadas no propio Pazo da Cultura e nas zonas da Gándara, Virxe do Mar e A Solaina. Desde as 2 da tarde, manterá un almorzo con militantes e simpatizantes.

Nese percorrido, a candidata socialista puido comprobar o importante índice de participación que xa se detecta desde primeira hora da mañá neses colexios e coñeceu as impresións dos interventores e apoderados socialistas a pé de mesa. Impresións que confirman a normalidade coa que se vén desenvolvendo a xornada de votacións.

Catalina García animou á cidadanía a tomar parte deste día, no que ofrécese á poboación a posibilidade de “expresarse e decidir”.

Seguemento da xornada electoral

Durante a tarde, proseguirá o percorrido polas mesas electorais do casco urbano e da zona rural. Ao peche dos colexios, desde as 8 do serán, os socialistas de Narón coñecerán o escrutinio na sede local da formación, na rúa Cristóbal Colón, do barrio de Santa Icía.

viernes, 20 de mayo de 2011

Os socialistas de Narón pechan 15 días de campaña cunha festa aberta á cidadanía en Santa Icía

A candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, ofreceu desde as 8 do serán o derradeiro mitin de cara ao 22-M

Narón, venres 20 de maio do 2011.- Quince días despois, os socialistas de Narón rematan a campaña electoral. A formación política optou por un fin de festa no máis amplo sentido, con actividades abertas a todos os públicos ao longo desta xornada.

Así, desde as 5 da tarde, a pista polideportiva de Santa Icía acolleu unha zona de lecer para os máis pequenos, con atraccións e xogos populares. Esa mesma zona serve desde as 9 da noite para celebrar un festexo de fin de campaña, coa degustación de bolos preñados e bebida a prezos populares, con animación musical incluida.

Acto político


Entre estas dúas citas, a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, ofreceu, desde as 8 do serán, o derradeiro mitin da campaña electoral que desemboca nos comicios deste vindeiro domingo.

No acto, García Blanco reiterou que os socialistas apostarán no vindeiro mandato por tres eixos que vertebren unha nova liña política a desenvolver desde o Concello de Narón. Trátase do impulso á creación de postos de traballo, o fomento dos servizos sociais e o aumento da participación cidadá.

Propostas

Deste xeito, os socialistas anuncian que desenvolverán e mellorarán o Regulamento de Participación Cidadá e que celebrarase anualmente o debate sobre o estado do Concello, potenciando, asimesmo, un proceso de orzamentos participativos.

O PSdeG-PSOE tamén propón a creación dunha liña de microcréditos a nivel comarcal que sirva de axuda aos novos emprendedores. Unha iniciativa que sustentaríase na constitución dun fondo de capital risco dotado dunha entidade xestora e un órgano participativo.

Estaría respaldado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores e axudaría a investimentos de ata 50.000 euros por proxecto.

O programa electoral do partido tamén inclúe o fomento da formación para mozos e parados de longa duración ou a potenciación do autoemprego na zona rural da man das cooperativas agrícolas existentes no termo municipal.

Pero tamén abógase pola elaboración dunha auditoría xeral sobre a situación económica do Concello e por procurar o consenso na elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Los candidatos a la Alcaldía de Narón debatieron en RadioVoz Ferrol

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2011/05/20/0003_201105F20C9998.htm

miércoles, 18 de mayo de 2011

Catalina García detalla na Gándara as propostas socialistas para o novo mandato en materia social

O deputado socialista no Congreso Xavier Carro acompañou esta tarde a García Blanco no barrio naronés



Narón, mércores 18 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García, visitou esta tarde A Gándara. En primeiro lugar, repartiu material informativo entre a cidadanía, resumindo as propostas socialistas para o novo mandato.

Máis tarde, participou nun acto público no local social da barriada. Nas dúas citas, estivo acompañada polo deputado no Congreso, Xavier Carro.

Unha charla-mitin na que García Blanco afondou nas iniciativas que o PSdeG-PSOE de Narón inclúe no seu programa electoral de cara ao novo mandato en materia social. Segundo a candidata socialista, “se algo identifica ao programa que os socialistas naroneses presentamos para o vindeiro mandato, son as políticas sociais e de benestar”.

Iniciativas

Catalina García asegurou que eses apartados supoñen aspectos “básicos das políticas a desenvolver nos vindeiros anos, loitando pola cohesión social, estando a carón da xente máis necesitada e cubrindo as súas necesidades básicas na procura da igualdade, pero tamén do respecto á dignidade das persoas”.

O PSdeG-PSOE de Narón considera que un “crecemento económico sostible ten que levar parella máis solidariedade e igualdade de dereitos”, permitindo o “acceso ás prestacións básicas a nivel social, garantindo a igualdade de oportunidades e promovendo a inclusión social para favorecer a convivencia persoal, familiar e social”.

A xuízo de Catalina García, as “disparidades nos ingresos familiares e as dificultades para ter unha vivenda digna e acceder á oferta formativa ou laboral” marcan as “diferenzas máis acusadas” no seo da poboación de Narón. Ao seu entender, ata o de agora o Concello limitouse a ofrecer unha cobertura “meramente asistencial”.

Deste xeito, estimou que contribúese a “perpetuar as desigualdades sociais e a facer ás persoas dependentes das axudas municipais”. Por iso, os socialistas aspiran a promover medidas “que axuden realmente ás persoas, procurando a súa independencia formativa, laboral e existencial”.

martes, 17 de mayo de 2011

Catalina García reforza en Freixeiro a aposta socialista pola transparencia desde o goberno local

A candidata socialista á Alcaldía de Narón reitera o compromiso coa “tolerancia cero fronte á corrupción”

Narón, martes 17 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, reiterou hoxe o compromiso dos socialistas coa “transparencia e a tolerancia cero fronte á corrupción”. Fíxoo nunha nova charla-mitin, celebrada, nesta ocasión, no local social da parroquia de Freixeiro.

Para acadar este obxectivo, García Blanco apostou por mellorar “os niveis de control político e a participación cidadá nos asuntos públicos, conquerindo gobernos abertos”. Así, os socialistas abogan pola aprobación de “códigos éticos e de boas prácticas”, simplificando trámites administrativos.

Ao mesmo tempo, suxírese que as diferentes actividades municipais sexan “absolutamente transparentes”, afondando tamén na apertura do “patrimonio e intereses dos electos locais e dos cargos políticos do Concello”.

Reparto

Nesta xornada festiva do Día das Letras Galegas, mantívose a actividade do PSdeG-PSOE de Narón. A primeiras horas desta tarde, militantes e simpatizantes procederon ao reparto de material informativo nas proximidades do centro comercial e de ocio Dolce Vita Odeón, na Gándara.

Durante todo o día, ese achegamento á cidadanía exténdese por todo o termo municipal, tanto a pé de rúa como nas vivendas de Narón. Mañá terá continuidade, e tamén será cun punto de referenza: a praza da Gándara.

Nese reparto estará presente o deputado socialista no Congreso Xavier Carro, quen acompañará á candidata á Alcaldía, Catalina García, non só nesa cita, senón tamén no mitin que terá lugar desde as 8 do serán no local social desa mesma barriada.

lunes, 16 de mayo de 2011

Elena Espinosa respalda no local social de Virxe do Mar a candidatura socialista á Alcaldía de Narón

A exministra de Agricultura participou nun mitin xunto á número 1 do PSdeG-PSOE, Catalina García Blanco


Narón, luns 16 de maio do 2011.- A exministra de Agricultura, Elena Espinosa, tomou parte este serán no mitin que o PSdeG-PSOE celebrou no local social de Virxe do Mar. Deste xeito, a dirixente galega ofreceu o seu respaldo á candidatura socialista á Alcaldía de Narón, que lidera Catalina García Blanco.

Na súa intervención, García Blanco lembrou que os socialistas de Narón pretenden levar a cabo no vindeiro mandato políticas dirixidas á creación de “máis emprego e de maior calidade”. Unha política, dixo, “prioritaria” e que constitúe “un sinal de identidade a impulsar desde o Estado, comunidades autonómicas e concellos”.

En opinión de Catalina García, Narón “debe asumir un papel dinamizador da actividade económica, poñendo todo o seu potencial, tanto na creación de emprego como a calidade do mesmo”. “Máis aínda”, engadiu, “en intres tan delicados e críticos como os actuais”.

O PSdeG-PSOE de Narón, tal e como resaltou a candidata no acto de hoxe, defende “un traballo conxunto da comarca, onde todos os concellos que a conforman, independentemente da cor política que os goberne, deixen os localismos”. Será, ao seu xuízo, “o único xeito de facer máis atractivos os nosos concellos para as empresas”.

Programa electoral

Entre as medidas que os socialistas de Narón inclúen neste eido no seu programa electoral, figuran a concesión de microcréditos para as pequenas empresas e para novos emprendedores ou a creación dun viveiro de empresas para atraer investimentos e potenciar a actividade de compañías locais.

De igual xeito, suxírese simplificar “ao máximo a burocracia para a creación de novas empresas, facilitando as xestións por medio de Internet”, e a creación da Mesa pola Formación e o Emprego, coa participación do tecido empresarial, sindical e universitario “na procura de fórmulas para a creación de postos de traballo”.

Pero os socialistas tamén propoñen que o Concello solicite á Xunta ciclos formativos “que teñan demanda”. Ademais, apóstase por cursos formativos auspiciados polo propio consistorio para mozos e desempregados de longa duración, “concertado prácticas en empresas”.

Neste mesmo eido, o PSdeG-PSOE abogará no novo mandato por “non cobrar impostos durante os dous primeiros anos de actividade a pequenos empresarios e novos emprendedores ata onde a lei o permita” e por colaborar coas cooperativas agrícolas “para potenciar o emprego no rural”.

Acto en Xuvia

Previamente, a candidata socialista á Alcaldía participou, desde as 6 do serán, noutro acto informativo, celebrado na parroquia de Xuvia. A cita, que tivo lugar no local social de Santa Rita, enmarcábase na axenda electoral da xornada, que tamén incluía o reparto de material informativo por vivendas e rúas de Narón.

domingo, 15 de mayo de 2011

Catalina García propón reforzar a “cooperación institucional” para un mellor servizo á cidadanía

A candidata socialista á Alcaldía de Narón ofreceu hoxe dúas charlas informativas en San Xiao e Chafarís

Narón, domingo 15 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, proseguiu este domingo coa actividade de campaña, ofrecendo dúas charlas nos locais sociais de San Xiao e de Chafarís.

Nestas dúas citas, García Blanco abogou porque o goberno municipal leve a cabo no vindeiro mandato un reforzo da “cooperación institucional, para acadar unha resposta eficaz ás demandas dos naroneses e naronesas”.

A dirixente socialista dixo apostar por un “funcionamento máis racional, áxil e eficiente do Concello”. Entre as medidas que suxire para conquerir este obxectivo, figuran o incremento da “cooperación entre concellos e destes con outras administracións”, de cara a “mellorar a capacidade de xestión dos asuntos públicos”.

O PSdeG-PSOE de Narón, segundo Catalina García, está convencido de que “a austeridade, mancomunar servizos e crear lazos de cooperación co resto das administracións mellorará os niveis de eficiencia e eficacia dos servizos municipais”.

Día das Letras Galegas

Por outra banda, Catalina García tamén tomou parte esta mañá no acto de lectura de textos que organizou a sociedade cultural Areosa ao longo da xornada no local social da parroquia de Piñeiros.


García Blanco escolleu para a súa intervención nesta iniciativa un extracto de “Retallos da memoria”, unha publicación que afonda en diversas testemuñas de persoas represaliadas na comarca durante a Guerra Civil e a dictadura franquista.

sábado, 14 de mayo de 2011

Enlace para ver o debate entre os candidatos á Alcaldía de Narón, celebrado o pasado xoves en Televisión de Ferrol

http://www.youtube.com/televisionferrol#p/c/1CF547A0A93AFC10/12/lgZ6xkElt4c

(A grabación inclúese nun total de 8 vídeos diferentes, pola súa duración)
Os socialistas denuncian a “falla de interese real” da Xunta co saneamento na zona rural de Narón

O grupo político reitera que o investimento do goberno galego no concello é “cero”

Narón, sábado 14 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, criticou hoxe a actitude do Partido Popular en torno ao proceso de saneamento na zona rural. Así, García Blanco denunciou a “falla de interese real da Xunta co concello de Narón” neste eido.

A dirixente socialista censurou que o candidato do PP á Alcaldía, Miguel de Santiago, sosteña que está “comprometido a pelexar pola sanidade, o ensino ou o saneamento na zona rural”, cando “os seus compañeiros na Xunta” destinan este ano “cero investimentos para Narón”.

Ao mesmo tempo, foi crítica co feito de que no proxecto de saneamento para unha das parroquias, a de San Mateo, o goberno galego “non asuma o custo total da obra, senón que únicamente afronta un investimento ridículo”.

Neste aspecto, Catalina García sinalou que esta iniciativa para San Mateo executarase despois de sucesivos anuncios “nos anos 2008, 2009 e 2010, que non chegaron a concretarse”.

Proxecto

Nas últimas semanas, a Xunta sacou a concurso a contratación da segunda fase do coñecido como “plan de saneamento rural” nesta parroquia.

Unha obra que sae a concurso por un importe superior a 1.707.000 euros, pero na que a administración autonómica, segundo os socialistas, “únicamente aporta o 30% do custo no 2011, 51.218, 44 euros”. Mentres, o 70% restante do orzamento afrontaríase con fondos europeos.

A aportación da Xunta ascende a 160.666 euros no 2012 e a 300.000 euros no 2013, fronte aos 375.887 euros chegados desde Europa para o vindeiro ano e os 700.000 euros previstos para o ano 2013. O prazo de execución estímase en 2 anos.
Os socialistas reivindican no Val a defensa da “cohesión social e a convivencia” en Narón

A agrupación política completará a súa actividade da xornada co reparto de material informativo esta noite

Narón, sábado 14 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, participou este mediodía nunha charla-mitin celebrada no local social da parroquia do Val. Unha cita na que a dirixente socialista reafirmou a aposta da súa formación por “preservar a cohesión social e a convivencia en Narón”.

Segundo resaltou, o obxectivo dos socialistas é facer posible que “os cidadáns desfruten en plenitude da súa vida e poidan desenvolver todas as súas expectativas de futuro e progreso”. Así, remarcou que para a formación política “a cohesión social garante as oportunidades de todos por igual e fortalece o espírito de avance colectivo”.

O PSdeG-PSOE, tal e como destacou Catalina García, pretende “reforzar e garantir a calidade dos servizos públicos e do Estado de Benestar”. A dirixente naronesa dixo que “a cidade é, sobre todo, un proxecto de convivencia colectiva, de entendemento diario e de responsabilidade colectiva, onde a diversidade convértese na mellor base da unidade”.

A xuízo de García Blanco, “son as institucións as que teñen que liderar a comprensión mutua, o respecto e a tolerancia”.

Reparto informativo

Trala celebración do mitin no Val, os socialistas completarán a xornada de actividade co reparto de material informativo a pé de rúa e nas vivendas do termo municipal.

Un achegamento á cidadanía que terá o seu punto álxido esta vindeira noite, cando militantes e simpatizantes procedan ao reparto de material informativo entre a xuventude nas proximidades dos locais de ocio nocturno de Narón.
 
De igual xeito, a candidata socialista fará unha paréntese na xornada política para asistir ao concerto que a cantante galega Luz Casal ofrecerá este serán no Pazo da Cultura e á festa dos liscos, que terá lugar na parroquia de Pedroso.

viernes, 13 de mayo de 2011

Empresarios e veciños das Lagoas piden á Xunta axilidade nas obras da estrada de Cedeira

O grupo socialista tamén visitou Doso, para coñecer as inquedanzas en materia de seguridade vial nesta zona

A candidata á Alcaldía de Narón polo PSdeG-PSOE, Catalina García, acompañada polo edil Mario Isasi e o parlamentario autonómico Pablo López Vidal, visitou o polígono das Lagoas e a parroquia de Doso. Nos dous lugares, o grupo socialista escoitou diversas demandas en materia de seguridade vial.

No caso das Lagoas, empresarios e veciños continúan a reclamar que a Xunta axilice o desenvolvemento das obras na estrada de Cedeira. Pero os socialistas tamén denuncian a “deixadez” do Concello á hora de presionar ante a administración autonómica en relación con este proxecto.

Así, García Blanco acusou ao goberno municipal de “non atender aos veciños e aos empresarios”, ademais de evitar pedir ao actual delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, “que explique o proxecto final aos afectados e que se comprometa a amañar os defectos detectados nas obras”.

De igual xeito, reiterou a petición de que o Concello se reúna co colectivo, tal e como se comprometera nas últimas semanas o goberno local nunha xunta de voceiros.

Os afectados afirman que a Xunta “nin se molesta en respostar” ás súas peticións de información e consideran que o proxecto estase a executar “a ollo”, sen unha planificación definida. Ao mesmo tempo, critican que non se inclúa polo momento a recollida das augas pluviais das diferentes fincas da zona.

Pablo López Vidal, responsable en materia de Obras Públicas do grupo socialista no Parlamento de Galicia, asegurou que é obriga do goberno galego “deixar as cousas como estaban”, dando resposta ás diferentes alegacións plantexadas. López Vidal reclamou “un maior seguemento dos traballos” e que os propios veciños “exerzan máis presión”.

Pola súa banda, Catalina García lembrou que o anterior delegado da Consellería de Política Territorial na Coruña, Alberto González, “atendeu ás reclamacións para modificar o proxecto e escoitou aos veciños, tentando non danar a ninguén”. Porén, considera que a chegada do PP á Xunta supuxo “un cambio de conducta, a peor”.

Veciños e empresarios anunciaron que trasladaron as súas reclamacións ante o Valedor do Pobo e que, trala falla de resposta do goberno galego, recorrerán á vía contencioso-administrativa para dar solución aos seus problemas.

Doso

Xa na parroquia de Doso, o grupo socialista escoitou dos propios veciños da zona a súa petición tendente a que se proceda á mellora da seguridade vial no punto quilométrico 15 da AC-862.

A comunidade veciñal reclama a mellora do firme e trazado da estrada, procedendo á súa ampliación coa creación dun “refuxio central” que permita que os vehículos poidan xirar á esquerda.

Con anterioridade, existía unha “liña discontinua”, polo que tanto coches como camións podían incorporarse a outra vía –de titularidade municipal-, que conduce a un grupo de vivendas e a un concesionario asentado na zona.

De igual xeito, os veciños lembran a presenza dunha rotonda na que, ao seu entender, “é moi difícil que xiren os camións de gran tonelaxe”. Os efectos déixanse ver na pintura do vial, no que abondan os accidentes de tráfico.

Piden que se modifique o pintado da estrada, o “recurte da rotonda” e unha “maior apertura” á incorporación do carril da estrada autonómica á municipal.


López Vidal lembrou que os socialistas xa se interesaron polo tema no Parlamento, pero suxeriu máis presión veciñal por medio dunha campaña de recollida de sinaturas que avale esta petición.
O PSdeG-PSOE de Narón pide ao goberno municipal que vixíe a presenza de camións en Ciudad Europa

Os socialistas denuncian que nos últimos días os camións encheron a parcela, provocando molestias aos veciños

Narón, venres 13 de marzo do 2011.- O grupo do PSdeG-PSOE no Concello de Narón denuncia que o goberno municipal “aínda non ofrecera resposta” ante as queixas dos veciños de Ciudad Europa pola presenza na zona de “camións de gran tonelaxe”.

Ao mesmo tempo, reiterou a súa petición de copia “do permiso que posibilita que os camións estacionen na zona”.

Na comisión de Obras celebrada o pasado 18 de abril, o goberno local comprometérase a reforzar a vixianza nesa contorna, trala denuncia do colectivo veciñal que apuntaba a que a parcela na que aparcan os vehículos “non estaría habilitada para esas funcións”.

Así, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos (TEGA), anunciara que o consistorio procedería á “revisión das prácticas que se levan a cabo nesa superficie”. Chegado o caso, non descartou o “desaloxo” dos camións que operasen de xeito ilegal na zona.

As estimacións iniciais dos residentes na urbanización apuntaban a que en torno a “tres camións” realizaban a diario diversas manobras nos viais próximos. Porén, e malia que non estacionaron alí durante varias xornadas, agora o número de camións aumentou, “enchendo a parcela, destinada a usos do Pazo da Cultura”.

Os camións, segundo os veciños, “impiden o normal desenvolvemento da circulación”. Ademais, o seu “acendido a horas temperás” –en torno ás 6 da mañá- provoca molestias aos residentes.

Proposta

Nos anos 2009 e 2010, o grupo socialista reclamou a habilitación dun aparcadoiro para os vehículos de transporte pesado na Gándara, “sen obter o apoio do goberno local”.
Catalina García reivindica a necesidade de “mellorar a calidade de vida dos veciños”

Os socialistas de Narón ofreceron hoxe dúas charlas-mitin nas parroquias de Ferrerías e de Castro

Narón, venres 13 de maio do 2011.- O PSdeG-PSOE de Narón retomou hoxe a actividade da campaña para as eleccións municipais, tralo parón de onte a causa do terremoto de Lorca. E fíxoo con novos actos informativos, que celebráronse no local de mulleres da parroquia de Ferrerías e no local do Paraxe, en Castro.

Neles, a candidata socialista á Alcaldía, Catalina García Blanco, anunciou que a súa formación traballará por “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Narón”. Segundo a dirixente naronesa, débese apostar por “poñer no centro da acción política ao cidadán, dando resposta aos seus problemas cotiáns”.

Entre esas inquedanzas, citou “o emprego, o apoio á pequena e mediana empresa, a educación dos nosos fillos, así como coidar dos maiores, a atención social e a súa participación activa nos asuntos do Concello”.

De igual xeito, o grupo socialista aboga pola extensión da conexión a Internet no termo municipal e o fomento da educación dixital entre a poboación. Sen deixar o eido social, tamén proponse a “integración dos inmigrantes, a loita contra a contaminación e a degradación ambiental, o aforro enerxético e o transporte sostible”.

Por último, o PSdeG-PSOE suxire un reforzo na “seguridade e o coidado das nosas rúas, parques e barrios, construíndo espazos accesibles e habitables para toda a cidadanía”.

jueves, 12 de mayo de 2011

O PSdeG-PSOE de Narón, de acordo co establecido a nivel estatal pola formación, acordou suspender
os actos de reparto de material informativo a pé de rúa e a charla-mitin previstos para o día de hoxe,
tralo terremoto que provocou no día de onte o falecemento de 8 persoas na cidade de Lorca.

miércoles, 11 de mayo de 2011

Fotografías do reparto de material informativo que os socialistas de Narón realizaron ao longo desta tarde na Praza da Constitución, en Santa Icía




O PSdeG-PSOE denuncia “trato de favor” por parte do goberno local pola recuperación dun camiño

O grupo tamén critica que unha sentenza dea a razón aos talleres mecánicos polas elevadas taxas que pagaban

Narón, mércores 11 de maio do 2011.- O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón denunciou no día de hoxe a “tomadura de pelo” na que, ao seu entender, incorre o grupo de Terra Galega ante o proceso de recuperación dun camiño veciñal na parroquia de Sedes.

A voceira socialista, Catalina García Blanco, asegurou que este camiño tería que ter pasado a titularidade pública e ao inventario de bens municipais, tal e como se acordou o pasado ano nunha sesión plenaria. En todo caso, García Blanco lembrou que esta iniciativa partiu dunha petición veciñal “varios anos atrás”.

Porén, e unha vez rematado o período de dez días establecido para culminar este proceso, o Concello confirmou a aparición dunhas escrituras “que agora sí acreditarían a suposta titularidade privada do vial”, segundo se asegurou na comisión de Urbanismo celebrada esta mañá.

Catalina García censurou a actitude do edil delegado da área, Manuel Ramos (TEGA), por ter asumido nesta xuntanza que, durante o proceso de alegacións, o consistorio non respostou aos requerimentos plantexados polos veciños implicados.

Talleres mecánicos

Por outra banda, o grupo tamén tivo coñecemento dunha recente sentenza xudicial que avala a tese de varios talleres mecánicos asentados en Narón. Un colectivo que, no seu momento, criticou que o consistorio aplicase o pagamento dunha taxa polo suministro de auga e a recollida de residuos “máis elevada do habitual”.

Unha situación que os socialistas xa trasladaran a unha sesión plenaria. Nela, o goberno local recoñecía a problemática e anunciaba a adopción de medidas ao respeito. Porén, os afectados reclamaron a devolución destas cantidades, un extremo que descartou o grupo de goberno.

Agora, unha sentenza establece que o Concello debe proceder ao seu reembolso, incluíndo os intereses acumulados. Por iso, o PSdeG-PSOE volve a criticar a actitude do grupo de goberno e pide que se trate por igual a todos os implicados nesta problemática.

Estrada de Cedeira

Asimesmo, os socialistas de Narón volveron a denunciar no día de hoxe a “falla de palabra” do grupo de goberno. Así, lembran que o edil Guillermo Sánchez Fojo, en calidade de alcalde accidental, comprometeuse a que representantes do goberno municipal visitarían as zonas afectadas polas obras neste vial.

Porén, esta visita, que incluiría a presenza dos grupos da oposición, segue sin contar “con data e hora”.
Catalina García sinala en Sedes que “os socialistas apostarán por fortalecer os servizos públicos”

A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón ofreceu hoxe un mitin en Sedes e percorreu o barrio de Santa Icía

Narón, mércores 11 de maio do 2011.- Catalina García, candidata socialista á Alcaldía de Narón, visitou esta tarde o barrio de Santa Icía e a parroquia de Sedes. No casco urbano, estivo acompañada por militantes e simpatizantes no reparto de material informativo entre os potenciais votantes e de agasallos para os máis pequenos.

Xa na zona rural, García Blanco ofreceu unha charla-mitin no local social de Sedes, desde as 20 horas. Alí remarcou, no contexto do programa electoral do PSdeG-PSOE, que “a recuperación económica non pode acadarse a costa do aumento das desigualdades e dos desequilibrios sociais”.

Por iso, quixo diferenciarse das políticas “da dereita”, que, ao seu entender, “aspira alí onde goberna a converter a crise na excusa perfecta para consolidar e agudizar as diferenzas sociais, ademais de para recurtar servizos e dereitos”.

Contrapoñendo esta situación, a dirixente naronesa dixo que os socialistas “apostamos por fortalecer os servizos públicos esenciais”, referíndose de xeito concreto ao ensino e á sanidade. Pero sen esquecer “os servizos sociais e o desenvolvemento pleno do sistema de dependencia”.



Unha medida que, ao seu xuízo, supón unha “garantía de progreso, ata conquerir unha sociedade con plena igualdade de oportunidades”.

martes, 10 de mayo de 2011



O PSdeG-PSOE anuncia en Pedroso que situará a Narón “ao servizo da recuperación económica”

Os socialistas apostan no seu programa electoral pola creación de emprego, tal e como reivindicaron hoxe

Narón, martes 10 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, participou este serán nunha charla-mitin na parroquia de Pedroso. O acto, que deu comezo ás 19:30 horas, tivo lugar na sede da sociedade cultural “A Pombiña”.

Ao igual que nos primeiros días desta campaña electoral, García Blanco detallou as iniciativas coas que os socialistas concorren aos comicios do 22-M. Na súa intervención, a dirixente socialista sostivo que “o Concello é unha peza esencial no desenvolvemento e consolidación dun novo modelo de crecemento”.

Así, considerou que, do contrario, non sería posible “practicar unha política de austeridade e de control do gasto público”, e tampouco “desenvolver unha política de reactivación da economía”.

Por todo iso, dixo que os socialistas, “facendo do diálogo e da concertación un elemento fundamental da actuación política”, pretenden impulsar “acordos a nivel local cos axentes sociais en prol da creación de emprego”.

Asimesmo, abogan por “orientar todas as políticas municipais, especialmente as urbanísticas, en torno a actividades produtivas sostibles e creadoras de emprego”.

lunes, 9 de mayo de 2011



Doso e San Mateo, as paradas dos socialistas de Narón no día de hoxe

A candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, ofreceu dúas charlas-mitin nos locais destas parroquias

Narón, luns 9 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, proseguiu este serán coa súa actividade no marco da campaña que desembocará nos comicios municipais do vindeiro día 22. Así, ofreceu dúas novas charlas informativas, celebradas nos locais sociais de Doso e San Mateo.

Nelas, García Blanco afondou nas propostas que os socialistas inclúen no seu programa electoral ante o novo mandato. Entre elas, figuran as relativas á creación de novos postos de traballo en Narón e ao mantemento dunha rede pública de atención social á cidadanía.

Iniciativas

Así, o programa do PSdeG-PSOE propón iniciativas para os traballadores, co fomento da formación para mozos e parados de longa duración, e para as empresas, simplificando ao máximo a burocracia para a instalación de novas compañías no termo municipal.

Ademais, os socialistas abogan por potenciar o autoemprego no rural, principalmente para a xuventude, traballando da man das diferentes cooperativas agrícolas existentes en Narón. No novo mandato, o PSdeG-PSOE tamén anuncia que traballará polas persoas con baixos recursos, de cara a que os cidadáns “teñan o básico”.

De igual xeito, traballarase en prol das mulleres, negociando desde o Concello e coas diferentes empresas de Narón medidas de conciliación, abrindo unha oficina de orientación ás vítimas da violencia de xénero e habilitando “escolas de segunda oportunidade” para aquelas persoas que non puideron completar a súa formación.
Unha liña comarcal de microcréditos, proposta socialista para axudar aos emprendedores

A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García, respalda a presentación en Ferrol desta iniciativa

Ferrol, luns 9 de maio do 2011.- “É importante traballar conxuntamente, non cada un ao seu”. Así expresouse hoxe Catalina García, candidata á Alcaldía de Narón, durante a presentación en Ferrol da liña de microcréditos que, como apoio aos emprendedores, inclúen os socialistas da comarca nos seus programas electorais.

García Blanco abogou por “traballar de xeito conxunto para sacar á comarca cara arriba”, propiciando a creación de novos postos de traballo na zona.

Non foi a única dirixente socialista presente na cita. O candidato por Valdoviño, Alberto González, apostou por explotar as “posibilidades e recursos” que ofrece cada termo municipal, “tendo en conta as súas potencialidades”. Iso si, sen esquecer “a forza de Ferrol como cabeceira da comarca”.

No acto, celebrado na sede de campaña dos socialistas ferroláns na rúa Magdalena, tamén tomaron a palabra os candidatos das localidades de Cedeira, José Luis Vergara; Ortigueira, Juan Penabad; Moeche, Andrés Pena; Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, e Ferrol, Vicente Irisarri, ademais de Antón Noceda, integrante da lista fenesa.

Liña de axudas

Na súa intervención, o candidato á reelección en Ferrol dixo que “aos socialistas preocúpanos o desemprego” e que “non xogamos ao catastrofismo da dereita”. Recoñeceu a existencia dunha “taxa elevada de desemprego” e que “moitos mozos teñen ideas, pero están sen respaldo económico”.

Por iso, e para axudar a aqueles “proxectos que quedan en vía morta”, nace esta iniciativa a escala comarcal. Irisarri asegurou que estes microcréditos “non xorden da ocorrencia dunha noite de verán”, senón que pretenden poñer de acordo a concellos “e outras entidades públicas”.

A nova liña de axudas sustentaríase en “aportacións para conquerir a maior cantidade de diñeiro posible”, procurando a participación de empresas ou entidades financeiras. “Os concellos”, dixo o rexedor ferrolán, “non desembolsarían ata que haxa solicitudes”.

Sería, polo tanto, un “desembolso paulatino”, pero sen que as administracións municipais “teñan máis déficit, é prestar o diñeiro”. A contía máxima, segundo Vicente Irisarri, non chegaría aos 100.000 euros, aínda que esta cantidade é susceptible de variación á hora de que a iniciativa sexa concretada polos concellos da bisbarra.

Eses préstamos estarían vixentes nun período de entre “un e dez anos”, creando unha “cadea continua” para “alimentar novos proxectos”. Iso si, sen que a concesión de axudas se xestione desde os concellos, senón ao traverso dun “órgano xestor profesional”, que contaría cun “consello de administración para que vixiemos o seu día a día”.

Enlace para escoitar o debate celebrado o pasado venres en COPE Ferrol entre os candidatos á Alcaldía de Narón

http://www.cope.es/copea.php5?nomAudio=audioLocal_13049301741371339432.mp3&titulo=19.00+La+Tarde+en+Cope+Ferrol

domingo, 8 de mayo de 2011

Os socialistas transmiten as súas propostas para o novo mandato aos veciños de Piñeiros e O Couto

A candidata á Alcaldía de Narón polo PSdeG-PSOE, Catalina García, tamén visitou no día de hoxe a zona de Pedroso

Narón, domingo 8 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, tomou parte este domingo en dous mitins, celebrados nos locais sociais das parroquias de Piñeiros e do Couto. Previamente, e ao longo da mañá, García Blanco departiu coa veciñanza co gallo da festa da Virxe da O, en Pedroso.

Nas dúas charlas informativas enmarcadas na campaña electoral socialista de cara ao 22-M, a candidata remarcou a aposta da súa formación polo fomento da participación cidadá ao longo do vindeiro mandato. Catro anos que terán que estar marcados, ao seu xuízo, polo “desenvolvemento e mellora” do actual regulamento municipal.

Neste mesmo apartado, os socialistas inclúen dentro do seu programa electoral propostas como o establecemento dun debate anual “sobre o estado do Concello” e a creación dun proxecto de orzamentos participativos, que permita unha intervención decisiva dos cidadáns á hora de que o consistorio priorice actuacións ao longo do ano.

Segundo Catalina García Blanco, terán que ser os veciños quen “acorden as obras que desenvolva o consistorio nunha porcentaxe importante, e que non decida só un concelleiro”.

Pero tamén abógase pola apertura das oficinas municipais polas tardes e pola creación dun portelo único “virtual e presencial”, que posibilite un achegamento da administración ao cidadán, e da Oficina de Atención á Veciñanza.

Catalina García Blanco, na festa da O en Pedroso


viernes, 6 de mayo de 2011

Catalina García Blanco, no debate da COPE cos candidatos de Narón, moderado pola xornalista Ada Romero


Os socialistas de Narón abren a campaña electoral no Alto do Castiñeiro cun acto no seu local social

A candidata á Alcaldía estivo acompañada polo número 5 da candidatura, Crisanto Poveda

Narón, venres 6 de maio do 2011.- O primeiro acto electoral do PSdeG-PSOE de Narón da campaña para as eleccións municipais do vindeiro domingo día 22 celebrouse desde as 20:00 horas no local social do Alto do Castiñeiro. Na cita estiveron presentes a candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, e o número 5 da candidatura, Crisanto Poveda.

Un acto no que os socialistas afondaron nas propostas que, de cara ao novo mandato, inclúen no seu programa electoral, presentado esta mesma mañá no local da asociación de veciños de Virxe do Mar. E, especialmente, no eido educativo, aspecto do que encargouse Poveda.

Así, a formación considera preciso abrir unha análise da situación do panorama educativo no termo municipal, na que se inclúa a posibilidade de concretar condicións e emprazamentos para a apertura de novas escolas infantís nun termo municipal como o de Narón que experimentou un claro repunte demográfico nos últimos anos.

De igual xeito, o PSdeG-PSOE aposta pola construción dun novo centro educativo, que permita afrontar a escaseza de prazas de Narón. Xa esta mañá, García Blanco lembraba que zonas como A Gándara contan cun grupo de 19 mozos pendentes de escolarización de cara ao vindeiro curso lectivo.

Pero o futuro da zona do Alto do Castiñeiro pasa tamén por outras medidas, que déronse a coñecer no acto de hoxe. Sen descoidar o feito de que esa mesma contorna pasará a contar cun novo centro de saúde, “vital para asistencia aos nosos veciños e que está pendente de que a Xunta asine o convenio pertinente”.

Fotos da pegada de carteis coa que a pasada medianoite o PSdeG-PSOE deu por iniciada a campaña electoral


Emprego, servizos sociais e participación centran o programa electoral dos socialistas de Narón

No programa, presentada hoxe pola candidata á Alcaldía, inclúese a creación de microcréditos para emprendedores

Narón, venres 6 de maio do 2011.- A candidata á Alcaldía de Narón polo PSdeG-PSOE, Catalina García Blanco, presentou esta mañá no local da asociación de veciños de Virxe do Mar o programa electoral co que a súa formación concorre ás eleccións municipais do vindeiro domingo día 22.

Fíxoo en compaña do deputado socialista no Congreso, Xavier Carro, e de militantes e simpatizantes da formación en Narón, que tamén integran a candidatura da agrupación para a cita electoral. No acto tamén estiveron presentes membros da comunidade veciñal.

Catalina García Blanco reafirmou na presentación a súa defensa da participación veciñal como “pilar básico” do programa electoral. Pero tamén dixo que o novo mandato terá que “xirar en torno á creación de emprego”, ante a situación económica actual. Tamén apostou pola potenciación dos servizos sociais, para “axudar aos máis necesitados”.

Participación veciñal

No eido participativo, García Blanco comprometeu que os socialistas “desenvolverán e mellorarán o Regulamento de Participación Cidadá”, lembrando que a súa creación xurdiu a partires dunha proposta da súa formación ao longo do mandato que agora remata.

Na mesma liña, anunciou que celebrarase anualmente o “debate sobre o estado do Concello” e que potenciarase un proceso propio de orzamentos participativos en Narón. Deste xeito, quérese “que os veciños acorden as obras que desenvolva o consistorio nunha porcentaxe importante, e que non decida só un concelleiro”.

Asimesmo, engádese a suxestión de que o Pazo Municipal tamén abra as súas instalacións para a atención ao público polas tardes, a apertura dun portelo único “virtual e presencial” e a creación dunha Oficina de Atención á Veciñanza.

Emprendedores

Os socialistas tamén propoñen a creación dunha liña de microcréditos desde a administración municipal “para axudar aos novos emprendedores”. Catalina García Blanco lamentou que, ata o de agora e neste eido, “cada concello traballara por separado”, suxerindo que débese “pensar en clave de comarca”.

O deputado Xavier Carro afondou na proposta, indicando que constituiríase un fondo de capital risco dotado dunha entidade xestora e un órgano participativo. Estaría “vixiado e avalado” pola Comisión Nacional do Mercado de Valores e respaldaría “pequenos investimentos”, de ata 50.000 euros por proxecto.

Ao seu entender, a súa creación non suporía “un aumento da débeda pública” e permitiría “prestar diñeiro aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas”, xa sexa desde Narón ou de xeito mancomunado, para apoiar a aqueles “aos que non axudan os bancos”.

Emprego e servizos sociais

Tamén indícase no programa a necesidade de fomentar a formación para mozos e parados de longa duración e “simplificar ao máximo a burocracia” para a instalación de novas empresas. Neste mesmo aspecto, os socialistas abogan por traballar de xeito conxunto coas cooperativas agrícolas “para potenciar o autoemprego no rural”.

No novo mandato, o PSdeG-PSOE tamén anuncia que traballará nun “proxecto exhaustivo” para persoas con baixos recursos, de cara a que os cidadáns “teñan o básico”.

Nunha aposta polas mulleres, quérese que o consistorio negocie coas empresas medidas de conciliación, que abra unha oficina de orientación ás víctimas da violencia de xénero e que se habiliten “escolas de segunda oportunidade” para aquelas persoas “que non puideron completar a súa formación”.

Facenda e urbanismo

Os socialistas cren precisa a elaboración dunha “auditoría xeral sobre a situación económica do Concello”. A formación, ademais, propón “mancomunar os servizos que sexa posible para abaratar gastos”.

En materia urbanística, remárcase a necesidade de “consensuar o novo PXOM”, no que débese ter en conta “ás persoas con discapacidade”. Ao mesmo tempo, o PSdeG-PSOE traballará para “axilizar a burocracia para a concesión de licencias urbanísticas”.

De igual xeito, apostarase por un plan estable de mantemento da rede viaria municipal, xa que, tal e como dixo García Blanco, “agora fanse obras porque estamos en eleccións”.

Tamén impulsarase a construción de vivendas de aluguer e a dotación de servizos básicos, como o saneamento e abastecemento de auga, en todo o termo municipal. Sen esquecer o “achegamento paulatino das taxas ao custo real deses servizos”.

Cultura, deportes e mocidade

O PSdeG-PSOE asegura que o Concello debe “reforzar o traballo en prol da cultura e do deporte de base”. Para acadar ese obxectivo, inclúe no seu programa a creación da Casa das Artes, para que tamén teñan cabida na alabada oferta cultural naronesa “outras expresións”.

Pero tamén inclúese a instauración da Gala do Deporte e da Cultura, na que se recoñeza o traballo dos deportistas de Narón “sexan ou non das escolas municipais”. Para os mozos, os socialistas queren crear “un espazo de ocio nocturno nas fins de semana e períodos de vacacións” que permita amosar que “hai algo máis que o botellón”.

Ensino e sanidade

Xa no ensino, a formación entende que a administración municipal debe “estudiar as necesidades” en canto á creación de novas escolas infantís. Pero tamén adiantan que é preciso “un novo centro de ensino”, ante o feito de que en zonas como A Gándara haxa rapaces pendentes de escolarización de cara ao vindeiro curso lectivo.

Reitérase a aposta por un novo centro de saúde, lembrando que a Xunta ten que asinar aínda o convenio que permita dar luz verde a esta nova infraestrutura.