viernes, 29 de abril de 2011

García Blanco di que “é hora de apostar pola comarca en maiúsculas e non por cada concello”

A candidata socialista á Alcaldía de Narón mantivo un encontro coa AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios)

Narón, xoves 28 de abril do 2011.- A candidata socialista de Narón, Catalina García Blanco, participou esta mañá na rolda de encontros que a AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal) está a desenvolver cos líderes políticos de Ferrol e Narón de cara aos comicios municipais do vindeiro 22 de maio.

Seguindo esta máxima, García Blanco estivo acompañada nesta cita polo actual alcalde de Ferrol e candidato á reelección, o socialista Vicente Irisarri. A candidata naronesa tamén estivo respaldada polo número dous da lista, Mario Isasi, mentres que Irisarri fixo o propio cos actuais edís María López, Ramón Veloso e Sandra Ríos.

Na xuntanza, a dirixente remarcou que “a aposta polos empresarios pasa pola colaboración entre concellos”, abogando por traballar“entre todos, na comarca”. Na súa opinión, “é hora de apostar pola comarca en maiúsculas, máis que por cada concello”, sinalando que “ata o de agora non se fixeron as cousas de xeito conxunto”.

Como ideas concretas, destacou a creación dun viveiro de empresas en Narón, lembrando que esta iniciativa xa se propuxera no 2007. No seu momento, o Concello e a Cámara de Comercio asinaron un convenio nesta liña, “pero o proxecto quedou sen facer”. Porén, dixo que os socialistas o manteñen “para axudar aos que queren comezar”.

Formación

Ao mesmo tempo, Catalina García Blanco suxeriu a promoción de cursos formativos “para procurar novos nichos de traballo”, ademais de “simplificar a burocracia”, reducindo “o máximo posible os trámites, para que os empresarios nin tan sequera se teñan que desprazar”.

A candidata á Alcaldía de Narón tamén estimou preciso desenvolver as posibilidades da extensa zona rural do concello, sen esquecer “o emprego urbano”. Así, incluíu nas súas propostas o “autoemprego dos mozos no rural”.

Comarca

Na súa intervención, o ferrolán Vicente Irisarri lembrou que Ferrol e Narón conforman a terceira área urbana de Galicia, “cunha potencia formidable”. Ao seu entender, só lles separa “unha fronteira virtual que serve de moi pouco”.

Apostou polo desenvolvemento de novas áreas industriais, caso das de Leixa e Mandiá, que servirían de complemento a outras xa existentes, como a naronesa de Río do Pozo, dotando á zona dunha nova terminal ferroviaria. Sería “unha parada estratéxica” para o porto exterior ou a planta de Megasa, en Narón, dixo Irisarri.

Tras lembrar que “os bancos non respostan a ninguén”, o candidato socialista en Ferrol indicou que a súa formación propón novas liñas de microcréditos no marco da Mancomunidade, “con cantidades que permitan botar a andar un proxecto”. Remarcou a necesidade de que entidades como as caixas de aforros apoien esta idea.

Apoio aos empresarios

A eses microcréditos, Catalina García Blanco engadiu, no caso concreto de Narón, a súa suxestión de que o Concello poida “facilitar que nos dous primeiros anos de funcionamento dun negocio se poida liberar aos seus titulares do pagamento de impostos, dentro das marxes da lei”.

O número 2 dos socialistas, Mario Isasi, expresou a necesidade de poñer “todos os medios” para que o polígono de Río do Pozo “siga a medrar” e que o citado viveiro de empresas “sexa unha realidade”. Abogou por captar “unha gran empresa, a ser posible do sector das novas tecnoloxías”, para Río do Pozo.

Iso si, dixo que “non son as grandes industrias as que xeran emprego, senón as súas auxiliares”. Tamén subliñou a potenciación das prácticas en empresas da comarca como unha clara necesidade. Por último, comprometeu un apoio ás pequenas empresas, primar “ás autóctonas” e “máis transparencia nos contratos públicos”.

lunes, 25 de abril de 2011

O Concello de Narón creará unha comisión de seguemento das obras da estrada de Cedeira

O PSdeG-PSOE obtivo o compromiso do goberno local, que visitará a zona nuns días, na Xunta de Voceiros de hoxe

Narón, luns 25 de abril do 2011.- Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón visitaron a pasada semana a estrada de Cedeira, para tratar con diversos particulares da zona a evolución das obras de humanización do vial, que executa a Xunta.

Segundo a voceira socialista, Catalina García Blanco, os afectados amósanse especialmente preocupados pola situación das recollidas de augas pluviais e dos accesos a algunhas vivendas e empresas.

De igual xeito, García Blanco remarcou que a senda peonil comprometida para a zona quedou executada, aínda que en condicións deficientes en parte do seu trazado. “Non hai nin un só rexistro para a auga, aínda que tería que habelo”, destacou.

Xunta de Voceiros

Ante esta problemática, os socialistas trasladaron un rogo á Xunta de Voceiros celebrada hoxe no consistorio naronés. Así, interesáronse ante o grupo de goberno pola creación dunha comisión de seguemento que permita comprobar o grao de execución dos traballos.

Malia ser competenza da Xunta, Catalina García Blanco considerou que o Concello “ten que facer un seguemento das obras”. O goberno municipal, “co concelleiro de Obras á fronte”, comprometeuse a realizar unha visita á zona entre “finais desta semana e comezos da vindeira”.

O grupo socialista agarda que esta visita sirva para que os afectados poidan expoñer de xeito directo aos responsables municipais os problemas detectados nas últimas semanas.

martes, 19 de abril de 2011

Unha moción do PSdeG-PSOE pide a constitución do Consello Sectorial da Xuventude de Narón

A iniciativa dos socialistas tamén solicita a redacción dun Plan Municipal de Xuventude

Narón, martes 19 de abril do 2011.- O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou, para o seu debate no seo da corporación, unha moción coa que preténdense impulsar “políticas reais” para a xuventude de Narón. A iniciativa foi rexeitada en comisión por TEGA, mentres que PP e BNG abstivéronse. Porén, a formación levará a proposta ao vindeiro pleno.

Con esta moción, os socialistas reclaman a constitución e posta en funcionamento do Consello Sectorial da Xuventude, “garantindo a participación de todas as asociacións e entidades xuvenís que estean inscritas no rexistro de asociacións do Concello”.

De igual xeito, solicítase a redacción dun Plan Municipal de Xuventude, “coa axeitada participación de todas as entidades xuvenís, para crear as bases que promocionen e establezan políticas de xuventude desde o Concello”.

Exposición de motivos

A formación estima que “a poboación naronesa, ao igual que o resto da sociedade, sufriu nos últimos tempos unha transformación, tanto no xeito de vivir como de entender a vida”. “Un cambio”, engade, “que conleva novos comportamentos e, moitas veces, unha certa distancia da vida política e dos foros de participación máis tradicionais”.

En opinión dos socialistas, “requírese dun cambio nos métodos e as vías de diálogo que se establecen cos mozos”. Deste xeito, débese procurar, ao seu xuízo, unha “renovación da súa confianza” e “axustarse ás esixencias do momento social que vivimos”, sen esquecer o poder ofrecer “respostas ás novas demandas plantexadas”.

O PSdeG-PSOE remarca que débese abogar pola construcción “dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todos os cidadáns” e por “situarse preto dos mozos, das súas inquedanzas, as súas demandas e aspiracións”. “Coñecelos para actuar en consecuencia”, indica, “co fin de que teñan oportunidades de desenvolvemento persoal”.

Ao seu entender, o Concello de Narón “non pode ser alleo a esta realidade e debe promocionar políticas integrais para a xuventude, potenciando a participación xuvenil e creando os espazos de lecer que poidan ser demandados polos máis mozos”.

Os socialistas cren que, desde o consistorio, débese comezar coa promoción e potenciación de “políticas participativas e emancipadoras”.
Os socialistas trasladan ao Parlamento de Galicia as necesidades de seguridade vial de Doso

O grupo municipal remite ao parlamentario Pablo López Vidal a necesidade da mellora da estrada AC-862

Narón, martes 19 de abril do 2011.- O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Narón visitou nos últimos días Doso, onde, a petición dos veciños, puido comprobar as necesidades que presenta a zona en materia de seguridade vial. Concretamente, os seus edís acudiron ao punto quilométrico 15 da AC-862, ao seu paso por esta parroquia.

Neste punto, e en dirección ao termo municipal de San Sadurniño, a comunidade veciñal e os propietarios dun concesionario sito nas proximidades piden “unha mellora no firme e trazado da estrada”. Así, reclaman a súa ampliación “para poder habilitar un refuxio central que permita xirar á esquerda”.

Os socialistas apuntan que “hai visibilidade en ambas direccións da vía” e que, con anterioridade, existía “liña discontinua, polo que tanto vehículos como camións podían incorporarse a outra vía –de titularidade municipal-, que conduce ás vivendas e ao concesionario”.

Camións

No mesmo lugar “pero en dirección contraria” existe unha “pequeña rotonda a xeito de media lupa” na que, segundo os veciños, “é moi difícil que xiren os camións de gran tonelaxe”. Os efectos desa dificultosa tarefa déixanse ver na pintura do vial, tal e como relatan, engadindo que na zona prodúcense “moitos accidentes”.

Ao mesmo tempo, en dirección a Neda e na entrada á estrada municipal, lembran que o concesionario de vehículos ofreceu no seu día o terreo preciso para que os camións que acoden á zona puidesen xirar, “posto que, tal e como pintaron agora, invaden gran parte do carril contrario do vial municipal”.

A veciñanza reclama que se modifique o pintado da estrada e que se habilite un refuxio central que dea servizos a todos os usuarios, ademais do “recurte da rotonda” e unha “maior apertura” á incorporación do carril da estrada autonómica á municipal no punto quilométrico 15.


O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón trasladou estes requerimentos ao parlamentario Pablo López Vidal, para que se poida solicitar información ao respecto á Xunta de Galicia ao traverso do grupo dos socialistas na Cámara Autonómica.

lunes, 18 de abril de 2011

Aprobada por unanimidade unha iniciativa do PSdeG-PSOE para a mellora dos pasos peonís

A Comisión de Obras respaldou unha moción na que se solicitaba a súa “sinalización, iluminación e reubicación”

Narón, luns 18 de abril do 2011.- A Comisión de Obras e Urbanismo do Concello de Narón aprobou na súa xuntanza desta mañá, co apoio de todos os grupos políticos, unha moción do PSdeG-PSOE sobre os pasos peonís do termo municipal. No texto, reclamábase a súa “sinalización, iluminación e reubicación”.

Con esta iniciativa, os socialistas facíanse eco das “queixas trasladadas por algúns veciños” a causa da “pouca seguridade” e a “mala sinalización” dos pasos peonís en Narón. Deste xeito, pretendíase garantir “a seguridade dos peóns dentro do municipio”.

Na súa exposición de motivos, o grupo socialista consideraba “necesario” que o Concello proceda “á mellora da sinalización, á reubicación e, sobre todo, á mellora da iluminación específica dos diferentes pasos peonís nas rúas”. O PSdeG-PSOE estima que só deste xeito os peóns pódense sentir “máis seguros” á hora de facer uso deles.

Acordos

Trala aprobación da moción, o consistorio comprométese á mellora da sinalización en “todos e cada un dos pasos de peóns do municipio”, á reubicación “daqueles pasos peonís que poidan ser perigosos para os peóns” e á iluminación “de xeito específico de todos e cada un dos pasos”.
O goberno local comprométese a vixiar a presenza de camións de gran tonelaxe en Ciudad Europa

O grupo de goberno resposta aos socialistas na comisión de Obras e Urbanismo tralas queixas dos veciños

Narón, luns 18 de abril do 2011.- O goberno municipal reforzará a vixiancia na zona de Ciudad Europa, trala denuncia dos seus veciños da presenza de camións de gran tonelaxe nunha parcela non habilitada para esas funcións. Deste xeito, o grupo de goberno respostou hoxe a esta reclamación, trasladada polo PSdeG-PSOE á comisión de Obras.

O seu presidente e concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos (TEGA), confirmou que o Concello procederá á “revisión” das prácticas que se levan a cabo nesa superficie e, chegado o caso, ao “desaloxo” dos camións que operasen de xeito ilegal na zona.

Os socialistas preguntaron na comisión por esta cuestión, tras recibir queixas dos veciños nos últimos días e comprobar a situación alí xerada. Segundo os residentes, uns tres camións realizan diversas manobras nos viais próximos, impedindo o normal desenvolvemento da circulación, ademais do seu acendido a horas temperás.

De igual xeito, lembraron que nos anos 2009 e 2010 o grupo socialista reclamou a habilitación dun aparcadoiro para estes vehículos na Gándara, sen obter o apoio do goberno local.

Ciudad Europa

Na xuntanza desta mañá, os socialistas tamén se interesaron por outras problemáticas da urbanización Ciudad Europa, transmitidas polos seus representantes veciñais na última semana.

Así, reclamaron información sobre a posible mellora do vial no que se ubica o centro municipal de atención a persoas maiores. Porén, o grupo de goberno respostou que non se pode levar a cabo ningún proxecto neste sentido, ao tratarse “dun terreo privado”.

De igual xeito, recabouse o compromiso de instalar papeleiras nos viais públicos da barriada unha vez comprobadas as existencias destes elementos nos fondos municipais. Ademais, ratificouse a apertura dun expediente ao propietario dunha parcela sita fronte á promoción de vivendas para mozos, para que proceda á súa limpeza.

Por último, os edís de Terra Galega recoñeceron que o Concello non conta con ningún proxecto planificado para proceder ao adecentamento dunha das principais rúas da zona, a rúa Holanda.

domingo, 17 de abril de 2011

Os socialistas visitan a parroquia de San Mateo para coñecer as necesidades dos seus veciños

Os tres edís en Narón tamén acudiron esta mañá ao recinto feiral de Sedes, onde tivo lugar a feira Equinarón

Narón, domingo 17 de abril do 2011.- Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón visitaron hoxe a zona de San Mateo. Alí tiveron a oportunidade de percorrer diferentes lugares da parroquia e de coñecer da man dos seus veciños as súas principais necesidades.

Catalina García Blanco, acompañada por Mario Isasi e Vicente Rivas, comprobaron o estado do firme dalgúns viais da contorna e puideron confirmar que unha das principais demandas da veciñanza correspóndese co saneamento, ao igual que en outras zonas do rural naronés.

De igual xeito, aproximáronse ao asentamento chabolista da zona, que tamén representa un dos principais puntos de atención dos cidadáns, que reclama un reforzo da presenza das forzas de seguridade.

Sedes

Con posterioridade, os edís socialistas visitaron o recinto feiral da parroquia de Sedes. Alí desenvolveuse ao longo da xornada Equinarón, que reuniu a un bo número de cabalos da comarca, para desfrute das moitas persoas alí presentes.
A Xunta Electoral insta a Converxencia Galega a retirar cartelería informativa no Alto do Castiñeiro

Os socialistas piden “xogo limpo” ao longo da precampaña e denuncian a entrega de folletos do PP hoxe en Sedes

Narón, domingo 17 de abril do 2011.- A Xunta Electoral de Zona de Ferrol solicitou a Converxencia Galega que retire “de xeito inmediato” un cartel, considerado como “electoral”, que a nova formación colocou nas últimas semanas no Alto do Castiñeiro, en Narón. Deste xeito, respóstase a un requerimento do PSdeG-PSOE ao respecto.

Trala súa xuntanza do pasado venres, a Xunta Electoral, ao traverso do seu secretario, José María Furelos, ratificaba as teses nas que sustentábase a denuncia do grupo socialista, defendida pola súa representante neste órgano, Dolores Castro -tamén candidata polo concello de Valdoviño aos vindeiros comicios municipais-.

Unha vez comprobado o material aportado, Furelos estima no seu escrito que “a conducta denunciada entra en clara colisión co disposto no artigo 53 da Lei Orgánica do Réxime Electoral”. Así, reclámase a retirada do cartel disposto no número 269 da estrada de Castela, nas inmediacións do Pazo Municipal.

A Xunta Electoral afirma que esa retirada débese levar a cabo “en tanto en canto non comece o período legalmente previsto para tales fins (de propaganda electoral)”, ademais de advertir de que este dictame confírmase “baixo expreso apercibimento de incorrer en responsabilidade”.

“Incumplir a lei”

Segundo a voceira dos socialistas en Narón, a resolución deste órgano confirma que diversas formacións “están a incumplir a lei”. Neste mesmo sentido, Catalina García Blanco denunciou o reparto de material informativo por parte do PP co gallo da feira Equinarón, celebrada esta mañá no recinto feiral de Sedes.

Un feito que o grupo político trasladou á súa representación ante a Xunta Electoral, de cara a que se confirme a irregularidade desta acción. A agrupación naronesa pide aos partidos "xogo limpo".

viernes, 15 de abril de 2011

Os veciños de “Ciudad Europa” propoñen ceder terreos para que o Concello habilite zonas verdes

Os residentes amosan ao grupo socialista as súas queixas pola presenza de camións nunha contorna non autorizada

Narón, venres 15 de abril do 2011.- A cambio de que o Concello de execute novas zonas verdes, os veciños da urbanización “Ciudad Europa” apoian a cesión de terreos nesa contorna ao consistorio. É unha das iniciativas que Fernando Riobó, presidente da urbanización, trasladou onte aos edís do PSdeG-PSOE no transcurso dunha xuntanza.

Riobó apostou por “liberar espazo”, tendo en conta como condicionante a existencia nese entorno, inmediato ao Pazo da Cultura, de ata 5.000 metros cadrados de zona privada. Abogan por un acordo co Concello, para evitar que os terreos non aproveitados ata o de agora se convirtan nunha zona degradada.

O presidente da urbanización reiterou que os veciños “non queremos máis edificación” e apostou por crear alí “un novo pulmón verde para todo Narón”, que, ademais, permita “dar vida ao Pazo”.

Aparcadoiro

Pero outra das principais problemáticas veciñais reside na inexistencia de prazas de aparcadoiro que permitan satisfacer as necesidades da zona. A propia presenza do Pazo da Cultura provoca que nas fins de semana estacionar se convirta nunha tarefa complexa.

Por iso, os residentes na urbanización levan propoñendo nos últimos anos o establecemento de zonas de aparcadoiro tanto en superficie como no subsolo, que, tal e como destacan, xa reúne as condicións precisas para crear eses servizos.

Camións

Neste mesmo sentido, os veciños denunciaron a presenza, a primeira hora da mañá e a diario, duns “tres ou catro” camións de gran tonelaxe nunha parcela que non está habilitada para a súa estadía.

Segundo os residentes, os camións “cortan o cruce e fan as súas manobras, impedindo o normal desenvolvemento do tráfico”, pero tamén molestan polo importante ruido que producen cada día, en torno ás seis da mañá. Uns feitos que o propio grupo socialista puido constatar nas últimas horas.

Outras demandas

Ao mesmo tempo, tamén reclamaron o arranxo definitivo do vial que conduce ao centro de maiores, a limpeza de parcelas e a instalación de papeleiras nas diferentes rúas.