O goberno local comprométese a vixiar a presenza de camións de gran tonelaxe en Ciudad Europa
O grupo de goberno resposta aos socialistas na comisión de Obras e Urbanismo tralas queixas dos veciños
Narón, luns 18 de abril do 2011.- O goberno municipal reforzará a vixiancia na zona de Ciudad Europa, trala denuncia dos seus veciños da presenza de camións de gran tonelaxe nunha parcela non habilitada para esas funcións. Deste xeito, o grupo de goberno respostou hoxe a esta reclamación, trasladada polo PSdeG-PSOE á comisión de Obras.
O seu presidente e concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos (TEGA), confirmou que o Concello procederá á “revisión” das prácticas que se levan a cabo nesa superficie e, chegado o caso, ao “desaloxo” dos camións que operasen de xeito ilegal na zona.
Os socialistas preguntaron na comisión por esta cuestión, tras recibir queixas dos veciños nos últimos días e comprobar a situación alí xerada. Segundo os residentes, uns tres camións realizan diversas manobras nos viais próximos, impedindo o normal desenvolvemento da circulación, ademais do seu acendido a horas temperás.
De igual xeito, lembraron que nos anos 2009 e 2010 o grupo socialista reclamou a habilitación dun aparcadoiro para estes vehículos na Gándara, sen obter o apoio do goberno local.
Ciudad Europa
Na xuntanza desta mañá, os socialistas tamén se interesaron por outras problemáticas da urbanización Ciudad Europa, transmitidas polos seus representantes veciñais na última semana.
Así, reclamaron información sobre a posible mellora do vial no que se ubica o centro municipal de atención a persoas maiores. Porén, o grupo de goberno respostou que non se pode levar a cabo ningún proxecto neste sentido, ao tratarse “dun terreo privado”.
De igual xeito, recabouse o compromiso de instalar papeleiras nos viais públicos da barriada unha vez comprobadas as existencias destes elementos nos fondos municipais. Ademais, ratificouse a apertura dun expediente ao propietario dunha parcela sita fronte á promoción de vivendas para mozos, para que proceda á súa limpeza.
Por último, os edís de Terra Galega recoñeceron que o Concello non conta con ningún proxecto planificado para proceder ao adecentamento dunha das principais rúas da zona, a rúa Holanda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario