García Blanco di que “é hora de apostar pola comarca en maiúsculas e non por cada concello”
A candidata socialista á Alcaldía de Narón mantivo un encontro coa AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios)
Narón, xoves 28 de abril do 2011.- A candidata socialista de Narón, Catalina García Blanco, participou esta mañá na rolda de encontros que a AJE (Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal) está a desenvolver cos líderes políticos de Ferrol e Narón de cara aos comicios municipais do vindeiro 22 de maio.
Seguindo esta máxima, García Blanco estivo acompañada nesta cita polo actual alcalde de Ferrol e candidato á reelección, o socialista Vicente Irisarri. A candidata naronesa tamén estivo respaldada polo número dous da lista, Mario Isasi, mentres que Irisarri fixo o propio cos actuais edís María López, Ramón Veloso e Sandra Ríos.
Na xuntanza, a dirixente remarcou que “a aposta polos empresarios pasa pola colaboración entre concellos”, abogando por traballar“entre todos, na comarca”. Na súa opinión, “é hora de apostar pola comarca en maiúsculas, máis que por cada concello”, sinalando que “ata o de agora non se fixeron as cousas de xeito conxunto”.
Como ideas concretas, destacou a creación dun viveiro de empresas en Narón, lembrando que esta iniciativa xa se propuxera no 2007. No seu momento, o Concello e a Cámara de Comercio asinaron un convenio nesta liña, “pero o proxecto quedou sen facer”. Porén, dixo que os socialistas o manteñen “para axudar aos que queren comezar”.
Formación
Ao mesmo tempo, Catalina García Blanco suxeriu a promoción de cursos formativos “para procurar novos nichos de traballo”, ademais de “simplificar a burocracia”, reducindo “o máximo posible os trámites, para que os empresarios nin tan sequera se teñan que desprazar”.
A candidata á Alcaldía de Narón tamén estimou preciso desenvolver as posibilidades da extensa zona rural do concello, sen esquecer “o emprego urbano”. Así, incluíu nas súas propostas o “autoemprego dos mozos no rural”.
Comarca
Na súa intervención, o ferrolán Vicente Irisarri lembrou que Ferrol e Narón conforman a terceira área urbana de Galicia, “cunha potencia formidable”. Ao seu entender, só lles separa “unha fronteira virtual que serve de moi pouco”.
Apostou polo desenvolvemento de novas áreas industriais, caso das de Leixa e Mandiá, que servirían de complemento a outras xa existentes, como a naronesa de Río do Pozo, dotando á zona dunha nova terminal ferroviaria. Sería “unha parada estratéxica” para o porto exterior ou a planta de Megasa, en Narón, dixo Irisarri.
Tras lembrar que “os bancos non respostan a ninguén”, o candidato socialista en Ferrol indicou que a súa formación propón novas liñas de microcréditos no marco da Mancomunidade, “con cantidades que permitan botar a andar un proxecto”. Remarcou a necesidade de que entidades como as caixas de aforros apoien esta idea.
Apoio aos empresarios
A eses microcréditos, Catalina García Blanco engadiu, no caso concreto de Narón, a súa suxestión de que o Concello poida “facilitar que nos dous primeiros anos de funcionamento dun negocio se poida liberar aos seus titulares do pagamento de impostos, dentro das marxes da lei”.
O número 2 dos socialistas, Mario Isasi, expresou a necesidade de poñer “todos os medios” para que o polígono de Río do Pozo “siga a medrar” e que o citado viveiro de empresas “sexa unha realidade”. Abogou por captar “unha gran empresa, a ser posible do sector das novas tecnoloxías”, para Río do Pozo.
Iso si, dixo que “non son as grandes industrias as que xeran emprego, senón as súas auxiliares”. Tamén subliñou a potenciación das prácticas en empresas da comarca como unha clara necesidade. Por último, comprometeu un apoio ás pequenas empresas, primar “ás autóctonas” e “máis transparencia nos contratos públicos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario