O Concello de Narón creará unha comisión de seguemento das obras da estrada de Cedeira
O PSdeG-PSOE obtivo o compromiso do goberno local, que visitará a zona nuns días, na Xunta de Voceiros de hoxe
Narón, luns 25 de abril do 2011.- Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón visitaron a pasada semana a estrada de Cedeira, para tratar con diversos particulares da zona a evolución das obras de humanización do vial, que executa a Xunta.
Segundo a voceira socialista, Catalina García Blanco, os afectados amósanse especialmente preocupados pola situación das recollidas de augas pluviais e dos accesos a algunhas vivendas e empresas.
De igual xeito, García Blanco remarcou que a senda peonil comprometida para a zona quedou executada, aínda que en condicións deficientes en parte do seu trazado. “Non hai nin un só rexistro para a auga, aínda que tería que habelo”, destacou.
Xunta de Voceiros
Ante esta problemática, os socialistas trasladaron un rogo á Xunta de Voceiros celebrada hoxe no consistorio naronés. Así, interesáronse ante o grupo de goberno pola creación dunha comisión de seguemento que permita comprobar o grao de execución dos traballos.
Malia ser competenza da Xunta, Catalina García Blanco considerou que o Concello “ten que facer un seguemento das obras”. O goberno municipal, “co concelleiro de Obras á fronte”, comprometeuse a realizar unha visita á zona entre “finais desta semana e comezos da vindeira”.
O grupo socialista agarda que esta visita sirva para que os afectados poidan expoñer de xeito directo aos responsables municipais os problemas detectados nas últimas semanas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario