Aprobada por unanimidade unha iniciativa do PSdeG-PSOE para a mellora dos pasos peonís
A Comisión de Obras respaldou unha moción na que se solicitaba a súa “sinalización, iluminación e reubicación”
Narón, luns 18 de abril do 2011.- A Comisión de Obras e Urbanismo do Concello de Narón aprobou na súa xuntanza desta mañá, co apoio de todos os grupos políticos, unha moción do PSdeG-PSOE sobre os pasos peonís do termo municipal. No texto, reclamábase a súa “sinalización, iluminación e reubicación”.
Con esta iniciativa, os socialistas facíanse eco das “queixas trasladadas por algúns veciños” a causa da “pouca seguridade” e a “mala sinalización” dos pasos peonís en Narón. Deste xeito, pretendíase garantir “a seguridade dos peóns dentro do municipio”.
Na súa exposición de motivos, o grupo socialista consideraba “necesario” que o Concello proceda “á mellora da sinalización, á reubicación e, sobre todo, á mellora da iluminación específica dos diferentes pasos peonís nas rúas”. O PSdeG-PSOE estima que só deste xeito os peóns pódense sentir “máis seguros” á hora de facer uso deles.
Acordos
Trala aprobación da moción, o consistorio comprométese á mellora da sinalización en “todos e cada un dos pasos de peóns do municipio”, á reubicación “daqueles pasos peonís que poidan ser perigosos para os peóns” e á iluminación “de xeito específico de todos e cada un dos pasos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario