martes, 19 de abril de 2011

Os socialistas trasladan ao Parlamento de Galicia as necesidades de seguridade vial de Doso

O grupo municipal remite ao parlamentario Pablo López Vidal a necesidade da mellora da estrada AC-862

Narón, martes 19 de abril do 2011.- O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Narón visitou nos últimos días Doso, onde, a petición dos veciños, puido comprobar as necesidades que presenta a zona en materia de seguridade vial. Concretamente, os seus edís acudiron ao punto quilométrico 15 da AC-862, ao seu paso por esta parroquia.

Neste punto, e en dirección ao termo municipal de San Sadurniño, a comunidade veciñal e os propietarios dun concesionario sito nas proximidades piden “unha mellora no firme e trazado da estrada”. Así, reclaman a súa ampliación “para poder habilitar un refuxio central que permita xirar á esquerda”.

Os socialistas apuntan que “hai visibilidade en ambas direccións da vía” e que, con anterioridade, existía “liña discontinua, polo que tanto vehículos como camións podían incorporarse a outra vía –de titularidade municipal-, que conduce ás vivendas e ao concesionario”.

Camións

No mesmo lugar “pero en dirección contraria” existe unha “pequeña rotonda a xeito de media lupa” na que, segundo os veciños, “é moi difícil que xiren os camións de gran tonelaxe”. Os efectos desa dificultosa tarefa déixanse ver na pintura do vial, tal e como relatan, engadindo que na zona prodúcense “moitos accidentes”.

Ao mesmo tempo, en dirección a Neda e na entrada á estrada municipal, lembran que o concesionario de vehículos ofreceu no seu día o terreo preciso para que os camións que acoden á zona puidesen xirar, “posto que, tal e como pintaron agora, invaden gran parte do carril contrario do vial municipal”.

A veciñanza reclama que se modifique o pintado da estrada e que se habilite un refuxio central que dea servizos a todos os usuarios, ademais do “recurte da rotonda” e unha “maior apertura” á incorporación do carril da estrada autonómica á municipal no punto quilométrico 15.


O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Narón trasladou estes requerimentos ao parlamentario Pablo López Vidal, para que se poida solicitar información ao respecto á Xunta de Galicia ao traverso do grupo dos socialistas na Cámara Autonómica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario