A iniciativa dos socialistas tamén solicita a redacción dun Plan Municipal de Xuventude
Narón, martes 19 de abril do 2011.- O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou, para o seu debate no seo da corporación, unha moción coa que preténdense impulsar “políticas reais” para a xuventude de Narón. A iniciativa foi rexeitada en comisión por TEGA, mentres que PP e BNG abstivéronse. Porén, a formación levará a proposta ao vindeiro pleno.
Con esta moción, os socialistas reclaman a constitución e posta en funcionamento do Consello Sectorial da Xuventude, “garantindo a participación de todas as asociacións e entidades xuvenís que estean inscritas no rexistro de asociacións do Concello”.
De igual xeito, solicítase a redacción dun Plan Municipal de Xuventude, “coa axeitada participación de todas as entidades xuvenís, para crear as bases que promocionen e establezan políticas de xuventude desde o Concello”.
Exposición de motivos
A formación estima que “a poboación naronesa, ao igual que o resto da sociedade, sufriu nos últimos tempos unha transformación, tanto no xeito de vivir como de entender a vida”. “Un cambio”, engade, “que conleva novos comportamentos e, moitas veces, unha certa distancia da vida política e dos foros de participación máis tradicionais”.
En opinión dos socialistas, “requírese dun cambio nos métodos e as vías de diálogo que se establecen cos mozos”. Deste xeito, débese procurar, ao seu xuízo, unha “renovación da súa confianza” e “axustarse ás esixencias do momento social que vivimos”, sen esquecer o poder ofrecer “respostas ás novas demandas plantexadas”.
O PSdeG-PSOE remarca que débese abogar pola construcción “dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todos os cidadáns” e por “situarse preto dos mozos, das súas inquedanzas, as súas demandas e aspiracións”. “Coñecelos para actuar en consecuencia”, indica, “co fin de que teñan oportunidades de desenvolvemento persoal”.
Ao seu entender, o Concello de Narón “non pode ser alleo a esta realidade e debe promocionar políticas integrais para a xuventude, potenciando a participación xuvenil e creando os espazos de lecer que poidan ser demandados polos máis mozos”.
Os socialistas cren que, desde o consistorio, débese comezar coa promoción e potenciación de “políticas participativas e emancipadoras”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario