viernes, 13 de mayo de 2011

Catalina García reivindica a necesidade de “mellorar a calidade de vida dos veciños”

Os socialistas de Narón ofreceron hoxe dúas charlas-mitin nas parroquias de Ferrerías e de Castro

Narón, venres 13 de maio do 2011.- O PSdeG-PSOE de Narón retomou hoxe a actividade da campaña para as eleccións municipais, tralo parón de onte a causa do terremoto de Lorca. E fíxoo con novos actos informativos, que celebráronse no local de mulleres da parroquia de Ferrerías e no local do Paraxe, en Castro.

Neles, a candidata socialista á Alcaldía, Catalina García Blanco, anunciou que a súa formación traballará por “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Narón”. Segundo a dirixente naronesa, débese apostar por “poñer no centro da acción política ao cidadán, dando resposta aos seus problemas cotiáns”.

Entre esas inquedanzas, citou “o emprego, o apoio á pequena e mediana empresa, a educación dos nosos fillos, así como coidar dos maiores, a atención social e a súa participación activa nos asuntos do Concello”.

De igual xeito, o grupo socialista aboga pola extensión da conexión a Internet no termo municipal e o fomento da educación dixital entre a poboación. Sen deixar o eido social, tamén proponse a “integración dos inmigrantes, a loita contra a contaminación e a degradación ambiental, o aforro enerxético e o transporte sostible”.

Por último, o PSdeG-PSOE suxire un reforzo na “seguridade e o coidado das nosas rúas, parques e barrios, construíndo espazos accesibles e habitables para toda a cidadanía”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario