Os socialistas de Narón iniciarán a campaña coa tradicional pegada de carteis en Santa Icía
A pegada terá lugar a medianoite e terá continuidade no resto do termo municipal
Narón, mércores 4 de maio do 2011.- Coa tradicional pegada de carteis, na medianoite do xoves ao venres, militantes e simpatizantes darán o pistoletazo de saída á campaña do PSdeG-PSOE de Narón para as eleccións municipais do vindeiro domingo día 22.
Tras un encontro na sede da formación, os socialistas desprazaranse á Praza da Constitución, no barrio de Santa Icía, para levar a cabo a tradicional pegada, nuns taboleiros dispostos ao efecto. Acudirán coa súa candidata á alcaldía, Catalina García Blanco, á cabeza.
Con posterioridade, os integrantes da agrupación local visitarán outros lugares do termo municipal para proseguir coa instalación dos carteis.
Primeiro día de campaña
Xa o venres, a candidata iniciará a actividade de campaña coa presentación do programa electoral da formación. Un acto que terá lugar desde as 11 da mañá na sede da asociación veciñal de Virxe do Mar, na rúa Illas Cíes.
Pola tarde, celebrarase a primeira charla-mitin das dúas semanas de actividade electoral. Será a partir das 8 do serán no local social do Alto do Castiñeiro, coas intervencións da propia Catalina García Blanco; de Crisanto Poveda, número 5 da candidatura, e de José David Pita, número 7.
No acto abordaranse non só as propostas que o PSdeG-PSOE plantexa en termos xerais para a nova etapa municipal, senón que tamén haberá oportunidade de afondar en cuestións concretas, como as políticas en materia de ensino e de xuventude.
De xeito previo, e ao longo de toda a xornada, militantes e simpatizantes repartirán trípticos que recollen as propostas socialistas para o novo mandato por rúas e vivendas de Narón, acompañados por megafonía informativa por todo o termo municipal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario