jueves, 5 de mayo de 2011



Os socialistas comprometen para o novo mandato unha auditoría sobre o urbanismo de Narón

O grupo socialista reclama o cumprimento do prego de condicións do servizo municipal de mantemento de xardíns

Narón, xoves 5 de maio do 2011.- A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, anunciou hoxe que unha das prioridades da súa formación de cara ao novo mandato será a realización dunha “auditoría urbanística”. Esta iniciativa serviría, segundo García, para denunciar posibles incumprimentos neste eido.

O seu anuncio chega tras visitar esta mañá San Xiao. Alí comprobou que algunhas empresas, entre as que citou á compañía Eymosa, non seguen as normativas municipais. Neste caso, a empresa, que mantén sen uso as súas instalacións, non executa de xeito habitual a limpeza do límite da súa parcela cunha vivenda particular.

Catalina García lembrou que o Concello debe velar polo cumprimento da ordenanza municipal que rexe neste aspecto, posibilitando a limpeza das parcelas públicas, en especial de cara á tempada estival para a prevención de lumes. Asegurou que procedeuse á limpeza dalgunhas parcelas, pero non da maior parte.

Xardíns

A edila socialista criticou, asimesmo, que o goberno local non vele polo cumprimento do prego de condicións do servizo municipal de mantemento de xardíns. Segundo a dirixente socialista, a empresa non conta aínda cunha nave para o almacenamento de material, malia o seu compromiso neste aspecto.

Ao mesmo tiempo, Catalina García dixo que os residuos recollidos pola compañía non se trasladan a un xestor autorizado, senón que se acumulan de xeito irregular nunha parcela da parroquia de San Xiao (ver primeira fotografía). Tamén criticou que as súas labores de limpeza de pistas non sexan “todo o regulares que se desexaría”.

Saneamento

Do mesmo xeito, a candidata esixiu un maior control das obras de saneamento na parroquia de San Xiao, que deixaron algúns viais e accesos a vivendas en mal estado (como apréciase na segunda fotografía adxunta).

Lamentou os problemas que os traballos xeran aos veciños, no marco dunhas obras beneficiadas con fondos do Plan E. García Blanco dixo botar en falla “un maior seguemento das obras” por parte do Concello.

As Lagoas

Nesta liña, a voceira socialista asegurou que, malia o compromiso adquirido polo concelleiro Guillermo Sánchez Fojo en calidade de alcalde accidental, o grupo de goberno non fixou aínda “día e hora” para visitar a zona da estrada de Cedeira e coñecer as queixas dos veciños polo desenvolvemento das obras de mellora do vial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario