viernes, 13 de mayo de 2011

Empresarios e veciños das Lagoas piden á Xunta axilidade nas obras da estrada de Cedeira

O grupo socialista tamén visitou Doso, para coñecer as inquedanzas en materia de seguridade vial nesta zona

A candidata á Alcaldía de Narón polo PSdeG-PSOE, Catalina García, acompañada polo edil Mario Isasi e o parlamentario autonómico Pablo López Vidal, visitou o polígono das Lagoas e a parroquia de Doso. Nos dous lugares, o grupo socialista escoitou diversas demandas en materia de seguridade vial.

No caso das Lagoas, empresarios e veciños continúan a reclamar que a Xunta axilice o desenvolvemento das obras na estrada de Cedeira. Pero os socialistas tamén denuncian a “deixadez” do Concello á hora de presionar ante a administración autonómica en relación con este proxecto.

Así, García Blanco acusou ao goberno municipal de “non atender aos veciños e aos empresarios”, ademais de evitar pedir ao actual delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, “que explique o proxecto final aos afectados e que se comprometa a amañar os defectos detectados nas obras”.

De igual xeito, reiterou a petición de que o Concello se reúna co colectivo, tal e como se comprometera nas últimas semanas o goberno local nunha xunta de voceiros.

Os afectados afirman que a Xunta “nin se molesta en respostar” ás súas peticións de información e consideran que o proxecto estase a executar “a ollo”, sen unha planificación definida. Ao mesmo tempo, critican que non se inclúa polo momento a recollida das augas pluviais das diferentes fincas da zona.

Pablo López Vidal, responsable en materia de Obras Públicas do grupo socialista no Parlamento de Galicia, asegurou que é obriga do goberno galego “deixar as cousas como estaban”, dando resposta ás diferentes alegacións plantexadas. López Vidal reclamou “un maior seguemento dos traballos” e que os propios veciños “exerzan máis presión”.

Pola súa banda, Catalina García lembrou que o anterior delegado da Consellería de Política Territorial na Coruña, Alberto González, “atendeu ás reclamacións para modificar o proxecto e escoitou aos veciños, tentando non danar a ninguén”. Porén, considera que a chegada do PP á Xunta supuxo “un cambio de conducta, a peor”.

Veciños e empresarios anunciaron que trasladaron as súas reclamacións ante o Valedor do Pobo e que, trala falla de resposta do goberno galego, recorrerán á vía contencioso-administrativa para dar solución aos seus problemas.

Doso

Xa na parroquia de Doso, o grupo socialista escoitou dos propios veciños da zona a súa petición tendente a que se proceda á mellora da seguridade vial no punto quilométrico 15 da AC-862.

A comunidade veciñal reclama a mellora do firme e trazado da estrada, procedendo á súa ampliación coa creación dun “refuxio central” que permita que os vehículos poidan xirar á esquerda.

Con anterioridade, existía unha “liña discontinua”, polo que tanto coches como camións podían incorporarse a outra vía –de titularidade municipal-, que conduce a un grupo de vivendas e a un concesionario asentado na zona.

De igual xeito, os veciños lembran a presenza dunha rotonda na que, ao seu entender, “é moi difícil que xiren os camións de gran tonelaxe”. Os efectos déixanse ver na pintura do vial, no que abondan os accidentes de tráfico.

Piden que se modifique o pintado da estrada, o “recurte da rotonda” e unha “maior apertura” á incorporación do carril da estrada autonómica á municipal.


López Vidal lembrou que os socialistas xa se interesaron polo tema no Parlamento, pero suxeriu máis presión veciñal por medio dunha campaña de recollida de sinaturas que avale esta petición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario