Os socialistas de Narón pechan 15 días de campaña cunha festa aberta á cidadanía en Santa Icía
A candidata á Alcaldía, Catalina García Blanco, ofreceu desde as 8 do serán o derradeiro mitin de cara ao 22-M
Narón, venres 20 de maio do 2011.- Quince días despois, os socialistas de Narón rematan a campaña electoral. A formación política optou por un fin de festa no máis amplo sentido, con actividades abertas a todos os públicos ao longo desta xornada.
Así, desde as 5 da tarde, a pista polideportiva de Santa Icía acolleu unha zona de lecer para os máis pequenos, con atraccións e xogos populares. Esa mesma zona serve desde as 9 da noite para celebrar un festexo de fin de campaña, coa degustación de bolos preñados e bebida a prezos populares, con animación musical incluida.
Acto político
Entre estas dúas citas, a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón, Catalina García Blanco, ofreceu, desde as 8 do serán, o derradeiro mitin da campaña electoral que desemboca nos comicios deste vindeiro domingo.
No acto, García Blanco reiterou que os socialistas apostarán no vindeiro mandato por tres eixos que vertebren unha nova liña política a desenvolver desde o Concello de Narón. Trátase do impulso á creación de postos de traballo, o fomento dos servizos sociais e o aumento da participación cidadá.
Propostas
Deste xeito, os socialistas anuncian que desenvolverán e mellorarán o Regulamento de Participación Cidadá e que celebrarase anualmente o debate sobre o estado do Concello, potenciando, asimesmo, un proceso de orzamentos participativos.
O PSdeG-PSOE tamén propón a creación dunha liña de microcréditos a nivel comarcal que sirva de axuda aos novos emprendedores. Unha iniciativa que sustentaríase na constitución dun fondo de capital risco dotado dunha entidade xestora e un órgano participativo.
Estaría respaldado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores e axudaría a investimentos de ata 50.000 euros por proxecto.
O programa electoral do partido tamén inclúe o fomento da formación para mozos e parados de longa duración ou a potenciación do autoemprego na zona rural da man das cooperativas agrícolas existentes no termo municipal.
Pero tamén abógase pola elaboración dunha auditoría xeral sobre a situación económica do Concello e por procurar o consenso na elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario