O PSdeG-PSOE de Narón pide ao goberno municipal que vixíe a presenza de camións en Ciudad Europa
Os socialistas denuncian que nos últimos días os camións encheron a parcela, provocando molestias aos veciños
Narón, venres 13 de marzo do 2011.- O grupo do PSdeG-PSOE no Concello de Narón denuncia que o goberno municipal “aínda non ofrecera resposta” ante as queixas dos veciños de Ciudad Europa pola presenza na zona de “camións de gran tonelaxe”.
Ao mesmo tempo, reiterou a súa petición de copia “do permiso que posibilita que os camións estacionen na zona”.
Na comisión de Obras celebrada o pasado 18 de abril, o goberno local comprometérase a reforzar a vixianza nesa contorna, trala denuncia do colectivo veciñal que apuntaba a que a parcela na que aparcan os vehículos “non estaría habilitada para esas funcións”.
Así, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos (TEGA), anunciara que o consistorio procedería á “revisión das prácticas que se levan a cabo nesa superficie”. Chegado o caso, non descartou o “desaloxo” dos camións que operasen de xeito ilegal na zona.
As estimacións iniciais dos residentes na urbanización apuntaban a que en torno a “tres camións” realizaban a diario diversas manobras nos viais próximos. Porén, e malia que non estacionaron alí durante varias xornadas, agora o número de camións aumentou, “enchendo a parcela, destinada a usos do Pazo da Cultura”.
Os camións, segundo os veciños, “impiden o normal desenvolvemento da circulación”. Ademais, o seu “acendido a horas temperás” –en torno ás 6 da mañá- provoca molestias aos residentes.
Proposta
Nos anos 2009 e 2010, o grupo socialista reclamou a habilitación dun aparcadoiro para os vehículos de transporte pesado na Gándara, “sen obter o apoio do goberno local”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario