Catalina García sinala en Sedes que “os socialistas apostarán por fortalecer os servizos públicos”
A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Narón ofreceu hoxe un mitin en Sedes e percorreu o barrio de Santa Icía
Narón, mércores 11 de maio do 2011.- Catalina García, candidata socialista á Alcaldía de Narón, visitou esta tarde o barrio de Santa Icía e a parroquia de Sedes. No casco urbano, estivo acompañada por militantes e simpatizantes no reparto de material informativo entre os potenciais votantes e de agasallos para os máis pequenos.
Xa na zona rural, García Blanco ofreceu unha charla-mitin no local social de Sedes, desde as 20 horas. Alí remarcou, no contexto do programa electoral do PSdeG-PSOE, que “a recuperación económica non pode acadarse a costa do aumento das desigualdades e dos desequilibrios sociais”.
Por iso, quixo diferenciarse das políticas “da dereita”, que, ao seu entender, “aspira alí onde goberna a converter a crise na excusa perfecta para consolidar e agudizar as diferenzas sociais, ademais de para recurtar servizos e dereitos”.
Contrapoñendo esta situación, a dirixente naronesa dixo que os socialistas “apostamos por fortalecer os servizos públicos esenciais”, referíndose de xeito concreto ao ensino e á sanidade. Pero sen esquecer “os servizos sociais e o desenvolvemento pleno do sistema de dependencia”.
Unha medida que, ao seu xuízo, supón unha “garantía de progreso, ata conquerir unha sociedade con plena igualdade de oportunidades”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario